EXPRESANDO CO CORPO

A coreógrafa Sandra Gardini viu axudarnos a montar os movementos para os nosos textos, dos poemas agochados.
 Experimentamos expresando e traballando coas diferentes alturas escénicas e analizamos as numerosas posibilidades de expresión dramática que o noso corpo ofrece. Pronto veredes o resultado do noso traballo.




Encontro coa Concha Pazo, psicóloga e psicanalista

O corpo e os símbolos

O día 19 de abril tivemos este encontro do alumnado de Filosofía de 1º Bach. e Psicoloxía de 2º Bach. coa psicóloga e psicanalista Concha Pazo, antiga orientadora do centro. Foi un agradable reencontro para falar sobre psicoloxía e o ser humanon seguindo sempre o fío do noso interese e dos temas polos que lle preguntabamos.
Este post está feito a partir das achegas do alumnado de 1º Bach.



A psicoloxía: historia, estudos, especialidades
A psicoloxía é a filla que nace da filosofía e a medicina. É unha ciencia recente, que aínda está comezando a desenvolverse. Antigamente illábase á xente con problemas psicolóxicos pero hoxe en día trátanse coa palabra e o corazón. Preocúpanos a diferenza coa psiquiatría: o primeiro que se quere descartar cando algún acode a un/ha psicóloga/o é que haxa unha causa fisiolóxica; as/os psiquiatras adoitan dar medicación nos seus tratamentos pero isto frecuentemente se pode evitar no tratamento psicolóxico. Algunhas veces medícase de xeito xeneralizado incluso a nenas/os de 8 anos, e isto debe facernos pensar, xa que a esta idade a medicación pode interromper o proceso de madurecemento dunha persoa.
En canto ás especialidades, as que máis lembramos son a psicoloxía social, clínica, deportiva e legal.
As máis das veces a psicoloxía consiste en facer de espello para que unha persoa poida ver reflectidas as súas emocións. Ás veces pensamos que a xente que vai á/o psicóloga/o é porque está tola pero pode ser por moitos motivos, desde os máis sinxelos como o insomnio, falta de concentración ou ansiedade, ata problemas moi complicados de personalidade ou de relación social. Todas as persoas temos algún medo, sobre todo o medo a que non nos queiran. Quizais a pregunta máis importante é a que Concha dirixe á xente de 2º: Como se pode establecer a diferenza entre o que é e o que non é normal?

En terapia
Cara ao final da charla púxonos un vídeo dunha serie de TV arxentina, En Terapia. Un rapaz adolescente vese metido en situacións de gran violencia e o psicólogo pídelles á nai e ao pai que veñan á sesión con el (isto sorpréndenos: non sabiamos que tivese esa prerrogativa de decidir quen asiste á sesión). Finalmente, as tres persoas acaban comprendendo os medos das outras, e os seus propios, e a conclusión é que temos medo, medo a que non nos queiran, e que, como di o psicólogo da serie, se a xente fose quen de expresar as súas emocións, os psicólogos non teriamos tanto traballo.



Libro de visitas

Este é o álbum coas achegas da xente de clase deste ano:



Algunhas fotos



     



Charlas filosóficas "O corpo humano" 5 - O corpo cibernético

5ª Sesión: O home bicentenario
- Pensei que dicías só un bico rápido.
- Mentín!


Andrew quere casar con Portia. Pero hai un problema: Andrew non é humano. Entrou como robot na casa da familia de Portia hai 200 anos e sempre actuou dun xeito estraño para ser unha máquina: tiña conciencia de si, desexo de superación, inquedanzas intelectuais… Co paso do tempo foi substituíndo todas as partes do seu corpo por novos materiais, cada vez máis similares aos tecidos humanos... A súa aparencia é exactamente como a nosa.
Portia e el levan xa moito tempo pedíndolle ao Congreso Mundial que recoñeza a Andrew como un ser humano para poderen casar legalmente, pero ao Congreso preséntaselle unha dúbida: que é o que define a un ser humano como algo esencialmente distinto dunha máquina? Esta é a pregunta a través da que nos guían hoxe, na charla de despedida por este ano, Pablo, Alberto, Pedro e David.


Pablo introduce o tema e presenta os personaxes. Andrew, interpretado por Robin Williams, é un robot de corpo metálico ao principio. Coñece á Pequena Miss, a quen se ve unido por unha especial relación. Ela é a avoa de Portia, a quen coñecemos cara ao final da película, e ten un enorme parecido con ela (de feito é a mesma actriz, Embeth Davidtz, quen interpreta a ambas) xa que entre os humanos moitos carácteres, como explica a xenética, frecuentemente saltan unha xeración.
Cando Andrew consegue adquirir unha prótese de cara hai unha interesante discusión na película: Unha cara humana debe ser imperfecta. Se é excesivamente simétrica, se non ten irregularidades... parece robótica!

Alberto cóntanos a evolución de Andrew: cómo xorden nel os sentimentos e as emocións, como a que sente pola Pequena Miss. Cómo se pon un nome e cómo adquire hábitos humanos.
Aquí Andrew é aínda un androide metálico que realiza labores rutinarias, frecuentemente de forza física, para a familia. Pero xa empeza a chamar a atención por algunhas actitudes que non se atopan habitualmente nunha máquina: creatividade, humor...
David encárgase de formular o problema: cando será Andrew unha persoa? Como calquera ser humano, Andrew ten que aprender, pero isto pode facelo unha computadora.
A diferenza é que ten que aprender dos seus propios erros e aceptar o sentimento negativo que vén con eles. Ten que loitar polos seus dereitos, e cando os seus dereitos son os dereitos humanos empezamos a ver como Andrew se vai humanizando ante os nosos ollos.
Cando pide ao Congreso Mundial que o recoñeza como humano chega o momento definitivo. Pedro revélanos a condición que pon, na segunda apelación: o robot terá que aceptar o feito do avellentamento, o decaemento físico e, finalmente, a morte:
iso é, como diría Heidegger, o que finalmente nos fai seres humanos. Aquí nos deixa o grupo de hoxe: temos que ver a película para saber o que pasará ao final.
Imaxes

E isto é todo por este ano. Agradecemos, coma sempre, o apoio da xente de 2º Bach., do profesorado (especialmente a Suso, que nunca falla) e da biblioteca.
Para ampliar ou descargar as fotos, pica nelas e abriranse no visor.




Materiais para descargar

Como esta é a última charla do ano temos os materias de hoxe (cartaz e presentación) e tamén un ficheiro comprimido con todos os materiais de ano (as 7 presentacións e os 5 cartaces):


              




Charlas filosóficas "O corpo humano" 4 - Nenos e porcos

4ª Sesión: Señor das moscas
Ninguén pode axudarte. Só eu. E eu son a besta.

Un grupo de nenos quedan abandonados nunha illa ao naufragar un barco (na película é un accidente de avión). William Golding, o autor de Señor das moscas, utiliza esta situación para facernos pensar na nosa natureza humana e no xeito en que a xente adulta organizamos a nosa sociedade. O momento clave da obra é cando un dos rapaces está mirando a cabeza dun xabaril que outros acaban de matar salvaxemente e sente a presenza dun espírito que se comunica con el a través do corpo morto do animal, cheo de moscas.
Gabriel, Pablo, Antonio e David analizan as relacións entre os nenos fixándose no tipo de liderado que exercen catro dos protagonistas.


Gabriel presenta a Jack. É o líder militar, dirixe a un grupo grande de rapaces que pertencen a un coro e ten un carácter é agresivo, violento e autoritario, que se resalta na escena na que mata salvaxemente a Simon. O seu símbolo son as pinturas e as lanzas.
Pablo describe a Ralf. É o líder carismático: sensato, amable e que transmite seguridade e confianza. Todos lle fan caso en canto empeza a falar. O seu símbolo é a caracola, que permite ao seu posuidor expresar o seu pensamento ao grupo. É quen establece as normas e gústalle ter todo baixo control.
Simon é o líder espiritual, como nos conta Antonio, e mantén unha actitude distante cos dous líderes. O seu símbolo é a cabeza do xabaril. É o único que percibe a angustia do grupo e sente anticipadamente a verdade, pero lamentablemente non pode comunicala porque é asesinado polos seus propios compañeiros.
Piggy, cóntanos David, é o líder científico. Fai as preguntas e atopa as respostas necesarias para sobrevivir na illa e facer unha fogueira para que os rescaten, pero é gordo, miope e asmático polo que os outros desprézano ata tal punto que nin sequera chegamos a saber o seu nome. As gafas, o seu símbolo, que serviran para acender o lume, acaban rotas: unha alegoría do paso da civilización á barbarie.
Para acabar, vemos a relación que se establece entre os catro líderes. Toda a novela é un enfrontamento entre a política e o exército (Ralf e Jack), que queren dirixir o grupo, e o exército acaba matando a espiritualidade (Simon). A relación entre a política e a ciencia (Ralf e Piggy) é moi significativa: a política non sabe facer nada por si mesma, e a ciencia non pode. Ao final todo o mérito é para a política mentres a ciencia é ignorada, acosada, desprezada e, finalmente, aniquilada.

Imaxes

Pica nas imaxes para amplialas ou descargalas.




Materiais para descargar

Podes baixar tamén o cartaz e a presentación desta charla: